Visca la llibertat. Litografia d'Antoni Miró
Textos de les intervencions dels cònsols de França i Alemanya
Llei 21/2005
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS
I
A Lei do 15 de setembro de 1932, ditada ao amparo da Constitución de 1931, aprobou o Estatuto de Cataluña, en virtude do cal se produciu o traspaso de funcións e servizos a esta. Pola Lei do 5 de abril de 1938 declaráronse «revertidos ao Estado a competencia de lexislación e execución que lle corresponde nos territorios de dereito común e os servizos que foron cedidos á rexión catalá en virtude da Lei do 15 de setembro de 1932». Como consecuencia da devandita norma, un conxunto de documentos e fondos documentais pertencentes aos entes e órganos integrados na administración da Xeneralidade foron incautados e depositados na súa maior parte nas dependencias da Delegación do Estado para a Recuperación de Documentos (DERD), órgano administrativo creado para a recompilación de documentación relacionada con persoas e institucións vinculadas á oposición ao réxime franquista, co fin de «subministrarlle ao Estado información referente á actuación dos seus inimigos», tal e como reza literalmente o Decreto do 26 de abril de 1938, polo que se creou a DERD.
A totalidade do persoal da DERD trasladouse a Cataluña ao ser ocupada. De alí transferiron as 160 toneladas de documentos requisados á sede central de recuperación de documentos en Salamanca, para a confección de fichas de antecedentes políticos que eran utilizadas nos consellos de guerra, os tribunais de responsabilidades políticas, os tribunais de depuración de funcionarios e o Tribunal Especial para a Represión da Masonaría e o Comunismo. Non obstante, unha gran parte dos documentos e efectos, ao careceren de valor para a devandita finalidade, foron destruídos, e aqueles que a Delegación do Estado para a Recuperación de Documentos identificou como propiedade de persoas partidarias do Réxime foron devoltos a estas.
Finalmente, os Servizos Documentais da ditadura foron suprimidos polo Real decreto 276/1977, do 28 de outubro, cando xa se restablecera a Xeneralidade de Cataluña.
O restablecemento da Xeneralidade de Cataluña mediante o Real decreto lei 41/1977, do 29 de setembro - antes da entrada en vigor da Constitución-, e a derrogación expresa da Lei do 5 de abril de 1938, supuxo tamén o renacemento do dereito das súas institucións a recuperar a súa memoria histórica e á restitución do seu arquivo institucional, polo tanto, dos documentos e efectos incautados naquel tráxico período da historia de España.
Neste sentido, non se deben esquecer nin a disposición transitoria segunda da Constitución nin a disposición transitoria sexta do Estatuto de autonomía de Cataluña, aprobado pola Lei orgánica 4/1979, do 18 de decembro, da que se deduce tamén o dereito á restitución dos documentos e efectos que constituían o arquivo da Xeneralidade republicana.
II
Por outra parte, o Decreto do 13 de setembro de 1936 estableceu no seu artigo segundo a incautación de «cantos bens mobles, inmobles, efectos e documentos pertencesen aos referidos partidos políticos ou agrupacións, así como a cantas organizacións tomaron parte na oposición feita ás forzas que cooperan ao movemento nacional, pasando todo iso á propiedade do Estado». Posteriormente, a Lei do 9 de febreiro de 1939, de responsabilidades políticas, dispuxo no seu art. 3 que «os partidos, agrupacións e organizacións declaradas fóra da lei sufrirán a perda absoluta dos seus dereitos de toda clase e a perda total dos seus bens. Estes pasarán integramente a ser propiedade do Estado. Quedan confirmadas as incautacións levadas a cabo en aplicación do disposto no art. 2 do Decreto número cento oito antes citado e nas súas disposicións complementarias e concordantes».
III
A partir da promulgación da Constitución española de 1978, aprobáronse diversas normas que teñen por obxecto restaurar situacións xurídicas afectadas inxustamente pola lexislación e a actuación do réxime franquista.
Entre elas podemos citar as normas de amnistía, o recoñecemento de dereitos asistenciais ás persoas pertencentes ao exército republicano, a restitución de documentos, fondos documentais e outros efectos e dereitos do patrimonio sindical e a restitución ou compensación aos partidos políticos de bens e dereitos incautados en aplicación da normativa sobre responsabilidades políticas.
O Congreso dos Deputados aprobou, o 18 de maio de 2004, unha proposición non de lei pola que se instaba o Goberno a iniciar un proceso de diálogo co Goberno da Xeneralidade de Cataluña, co fin de alcanzar un acordo que permita resolver o contencioso formulado en relación coa documentación incautada que na actualidade se atopa recollida no Arquivo Xeral da Guerra Civil Española.
Procede, pois, neste momento, aprobar unha norma con rango de lei que permita o restablecemento das situacións xurídicas ilexitimamente extinguidas no que respecta á Xeneralidade de Cataluña e ás persoas naturais e xurídicas de carácter privado salvagardando ao mesmo tempo, en razón do seu interese histórico e cultural, a integridade funcional do Arquivo e dos documentos e fondos documentais nel custodiados.
IV
Esta lei ten, pois, por obxecto, con carácter xeral, a restitución dos documentos e fondos documentais incautados con motivo da Guerra Civil e custodiados no Arquivo Xeral da Guerra Civil Española. No art. 2 distínguese entre a restitución á Xeneralidade de Cataluña, que se produce ope legis, e a restitución ás persoas naturais e xurídicas privadas que require a instrución dun procedemento previo destinado a acreditar, por parte dos interesados, a existencia dun interese lexítimo na devolución dos documentos.
En relación cos interesados citados establécese un procedemento sumario rodeado de especiais garantías, co fin de facilitar o exercicio do dereito á restitución que a lei concede. Este procedemento contén, ademais, un réxime de fiscalidade especial dirixido a evitar calquera quebranto patrimonial aos interesados, co obxecto de que este aspecto non supoña un obstáculo para o exercicio das accións previstas na lei.
Artigo 1. Obxecto
Esta lei ten por obxecto a restitución dos documentos e efectos incautados en Cataluña pola Delegación do Estado para a Recuperación de Documentos creada en virtude do Decreto do 26 de abril de 1938.
Artigo 2. Ámbito subxectivo
1. O Estado restituirá á Xeneralidade de Cataluña, de conformidade co previsto nesta lei, a documentación do arquivo institucional dos seus órganos de goberno, da súa Administración e das súas entidades dependentes, así como a correspondente ao Parlamento de Cataluña, que se conservan no fondo da Delegación Nacional de Servizos Documentais depositados no Arquivo Xeral da Guerra Civil.
2. Así mesmo, para os efectos do establecido no art. 5, o Estado transferiralle á Xeneralidade de Cataluña os documentos, fondos documentais e outros efectos, incautados en Cataluña a persoas naturais ou xurídicas de carácter privado, con residencia, domicilio, delegación ou seccións en Cataluña, pola Delegación do Estado para a Recuperación de Documentos, creada en virtude do Decreto do 26 de abril de 1938, ou en aplicación do Decreto do 13 de setembro de 1936, que estean custodiados no Arquivo Xeral da Guerra Civil Española.
Artigo 3. Disposicións comúns
1. O Estado disporá as medidas necesarias para a efectiva posta á disposición da Xeneralidade de Cataluña de todos os documentos e efectos que deben ser restituídos, subrogándose esta en todos os dereitos e obrigas daquel.
2. En todo caso, no Arquivo Xeral da Guerra Civil Española depositarase unha copia ou duplicado de todos os documentos restituídos cuxo custo económico será asumido pola Xeneralidade de Cataluña. A devandita copia ou duplicado terá a consideración de copia auténtica nos termos previstos na lexislación de réxime xurídico das administracións públicas e de procedemento administrativo común.
3. Identificados os documentos, fondos documentais e outros efectos, o Estado entregaraos á Xeneralidade de Cataluña no prazo de tres meses. A súa entrega deberá formalizarse mediante a correspondente acta de entrega e recepción, subscrita polos representantes de ambas as dúas Administracións, a cal determinará a súa efectividade.
Artigo 4. Restitución á Xeneralidade de Cataluña
1. Para a identificación dos documentos, fondos documentais e outros efectos crearase, no prazo máximo de dous meses a partir da entrada en vigor desta lei, unha Comisión Mixta Goberno-Xeneralidade de Cataluña integrada por representantes designados por ambas as dúas administracións.
2. En todo caso, os documentos, fondos documentais e outros efectos que xa fosen identificados en cumprimento do Convenio sobre microfilmación de documentos da antiga Xeneralidade de Cataluña, celebrado polo Ministerio de Cultura e a Xeneralidade de Cataluña o 22 de outubro de 1982, serán entregados á Xeneralidade no prazo máximo de tres meses a partir da entrada en vigor desta lei.
Artigo 5. Requisitos e procedemento
1. O dereito á restitución aos suxeitos previstos no art. 2.2 deberá exercerse no prazo dun ano contado a partir do día seguinte á notificación do acto de identificación aos que poidan resultar os seus lexítimos titulares.
No suposto de que non sexa posible a práctica da devandita notificación, o prazo computarase desde o día seguinte ao da publicación do acto de identificación.
Transcorrido o devandito prazo, caducará o dereito á restitución dos documentos, fondos documentais e outros efectos.
2. As peticións e solicitudes que se formulen serán tramitadas e resoltas polo procedemento que estableza a Xeneralidade de Cataluña en exercicio das súas competencias, e contra os actos e resolucións que se diten no dito procedemento os particulares poderán interpoñer os recursos que correspondan.
3. Só se poderá declarar a procedencia da restitución dos documentos, fondos documentais e outros efectos se no procedemento referido nos puntos anteriores se cumpren os seguintes requisitos:
a) A identificación precisa dos documentos, fondos documentais e outros efectos cuxa restitución se solicita.
b) A acreditación documental ou por calquera outro medio de proba admitido en dereito, da súa titularidade dominical no momento da incautación.
c) A acreditación documental, ou por calquera outro medio de proba admitido en dereito, da condición de sucesor lexítimo no caso de morte ou declaración de falecemento dos titulares que sexan persoas naturais, ou de extinción no caso de persoas xurídicas.
Artigo 6. Exencións tributarias
1. A incorporación dos documentos, fondos documentais e outros efectos ao patrimonio das persoas físicas ou xurídicas como consecuencia da restitución resultará exenta de calquera tributo.
2. A restitución dos documentos, fondos documentais e outros efectos estará exenta do imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados se desta deriva a realización dalgún dos feitos impoñibles do devandito tributo.
3. Os instrumentos públicos, documentos, inscricións ou escritos que, se é o caso, se practiquen en calquera rexistro público, gozarán dos mesmos beneficios que os establecidos a favor do Estado na lexislación vixente respecto aos honorarios e aranceis que debesen satisfacerse.
DISPOSICIONS ADICIONAIS
Disposición Adicional Primeira. Restitución a persoas naturais ou xurídicas de carácter privado doutras comunidades autónomas
A restitución dos documentos, fondos documentais e efectos ás persoas naturais ou xurídicas de carácter privado poderá ser levada a cabo polas comunidades autónomas que o soliciten, de acordo co procedemento que o Goberno estableza e de conformidade cos requisitos previstos no art. 5.
Disposición Adicional Segunda. Creación e posta en funcionamento do Centro Documental da Memoria Histórica
No prazo dun ano desde a entrada en vigor desta lei, crearase e porase en funcionamento, co carácter de titularidade e xestión estatal, un Centro Documental da Memoria Histórica con sede en Salamanca, no que se integrarán os fondos do actual Arquivo Xeral da Guerra Civil Española.
DISPOSICION DERROGATORIA
Disposición Derrogatoria Única. Derrogación normativa
Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao establecido nesta lei.
DISPOSICIÓN DERRADEIRA
Disposición Derradeira Única. Entrada en vigor
Esta lei entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no «Boletín Oficial del Estado».